TRASNOS, TRASGOS E TARDOS

Trasnos: Son moi malvados. Fisicamente os trasnos poden ter forma de home pequeno, vestir con sotana moura e ter un par de cornos na cabeza. Aínda que esta é a súa forma habitual teñen moitos máis aspectos, como por exemplo, de anano saltarín ou de home alto, tamén poden aparecer con forma de ovella; con cornos e fouciño de xato; ás mozas novas preséntaselles como un neno espido e abandonado tremendo de frío. Dependendo destas formas fan cousas diferentes. Cando é un anano saltarín está sempre a rir e ten unha barba branca moi longa e moi ben coidada.

Son especialistas en facer trasnadas. Nunca se deixan ver, pero sempre quedan claras pegadas da súa presenza. O trasno actúa sobre todo na casa, gústalle remover as cousas do fogar e ensucialo. Soamente actúa pola noite, posto que a luz do día faille dano e entón, con ela, desaparece. Cando se vai deixa todo tal e como está. Para librarnos deste molesto ser é mester prender a luz da que sempre foxe ou se non, facer o sinal da cruz porque como é unha criatura diabólica este símbolo dalle medo.

Trasgos: Moitas veces confúndese estes seres cos trasnos e cos tardos, pero son diferentes. Dise que os trasgos causan pesadelos ó tombarse no peito dos dormentes, esto é unha gran confusión, dado que os trasgos axudan ós humanos.

A continuación daremos unha mostra do que os trasgos poden facer para axudar ós seres humanos: Cando un pescador que sae de noite ve pousar un paxariño na cruz da rede entende que o trasgo anúncialle moi boa pesca.

Para invocar a un trasgo e así ter boa sorte, só temos que arrolar un berce baleiro e pedirlle un desexo, que pode que se cumpra, pero se non, sempre teremos moi boa sorte.

Tardos: É similar a un trasno pero moito máis malévolo. É un ser pequeno, peludo, con moitos dentes, de cor verde, cos ollos redondos e negros; ten barba e usa un traxe moi vello e roto. É moi covarde, e nada intelixente. Aínda que ten un tamaño moi pequeno pesa moito, aproveita que se fai de noite para entrar nas casas dos que están durmido e sentarse sobre o seu peito provocándolle desta forma uns pesadelos terribles e unha dor no peito, como se tivese unha gran pena dentro.

Para librarnos deste molesto ser, abonda con que deixemos unha cunca chea de gran na cociña, como é moi curioso vai ir a ver a cunca e vai empezar a contar os graos e como só sabe contar ata dez ó chegar a este número pérdese e volve a empezar. Está así toda a noite e cando é de día o tardo vai seguir ó lado da cunca, entón collémolo e botémolo fóra da nosa casa. Ese molesto ser xa non volverá a entrar máis no noso fogar.