LOBISHOME


Este animal representa, para os galegos, o mal e a desfeita. É un home ou unha muller que se pode transformar en lobo. Esta transformación pode ocorrer por varias cousas, entre elas:


  • Por maldición dalgunha persoa transfórmase no lobo da xente.

  • Nacer na noite de Nadal ou o Venres Santo.

  • Ser o 7º fillo dunha mesma nai. Para evitar que este último fillo sexa un lobishome, ten que ser apadriñado polo irmán máis vello.

  • Se fan un feitizo froito dunha envexa pódese transformar a persoa a que dirixen este conxuro nun lobishome.


O seu aspecto é o dun ser ameazante, metade animal metade home con pernas e brazos longos, abundante pelo e enormes e prateadas garras. Poden andar a catro patas ou a dúas. Os seus ollos cambian de cor dependendo do lugar onde se atope:

  • Á luz da lúa son verdes amarelentos.

  • Á luz dunha fogata son vermellos.

Para saber se estamos diante dun lobishome habemos de ter en conta:

  • Que teñan as cellas espesas e unidas polo entrecello.

  • Que o primeiro e o segundo dedo da man sexan igual de longos.

  • Que teñan abundante pelo.

  • Que teñan as unllas moi longas e descoidadas.

O home e o lobo son contrarios, porque o primeiro é un animal racional e civilizado, e o segundo é un animal salvaxe. Cando o lobishome se transforma no lobo, perde a razón e comete actos en contra da súa vontade.

Cando unha persoa sente desexos de tumbarse na terra e refregarse nela é que está comezando o proceso de transformación e que dentro de pouco será un lobo, pero antes disto percíbense síntomas que indican o inicio do proceso de conversión en lobishome, como por exemplo o un sentimento de morriña. A persoa que sente isto vai pola media noite a un despoboado onde fixeran cama algúns lobos e envórcase alí.

É moito máis listo que un lobo real, ás veces dirixe a estes mamíferos. Cando un lobishome é un lobo non hai ningunha arma que o poda matar.

Nalgúns casos é sempre lobo mentres dura o feitizo. Noutros ás veces é lobo e ás veces é persoa. E noutros de día é humano e de noite é lobo.

Para liberarse desta maldición alguén ten que facerlle sangue cunha aguillada de acivro bendicida na igrexa o Domingo de Ramos.

En Galicia hai varios lobishomes, é moi coñecido o caso de Manuel Branco Romasanta (Allariz, Ourense) que se confesou autor da morte de 13 persoas. Cando confesou dixo que mataba contra a súa vontade e que cría que a súa sogra o maldicira. Andaba con outros dous lobishomes, pero non sabía quenes eran porque só os vía na súa forma de lobos.

Lobo da xente: Persoa de curta idade a que os pais converten en lobo por unha maldición. Os lobos da xente acostuman a andar en grupos de tres. A muller adoita ser a xefa. Estes non comen carne, só comen xente (de aí o nome), pero sobre todo da súa familia. Os animais non se asustan deles.

Ó ser atacado cunha ou arma punzante non morren, pero se as mollas en auga bendita servirán para deter o feitizo. Tamén hai outras formas para liberalo desta transformación, como por exemplo, descubrilo cando está a revocarse no pó.

Peeira dos lobos: Chámaselle así as mulleres que, aínda que manteñen a súa forma humana vanse a vivir cos lobos, falan o seu idioma, comen a súa comida, protexen ós cachorros e, en moitos casos, convértense en xefas de manada.