BRUXAS E MEIGAS

Bruxas: as mulleres poden ser bruxas por varias razóns: por herdanza, por sinal de nacemento, por pauto co demo. Tamén se nunha familia nacen sete fillas dunha mesma nai e dun mesmo pai, a última é unha bruxa. Se unha bruxa nos dá a súa vasoira nós tamén nos transformamos nunha delas.

A bruxa, ó contrario cós cristiáns, celebra o venres, que é o día no que morreu Xesús, e despreza o domingo (que é o día do Señor). Ademais, os católicos respectan a vida, pero as bruxas veneran a morte. Estas fan todo o que os cristiáns teñen prohibido: menten, matan, cometen adulterio e incesto.

As bruxas fan aquelarres, que son máis coñecidos en Galicia co nome de Noite de Bruxas. Reúnense cada sábado ás doce da noite. Nestes falan co demo e tamén comen e beben. As bruxas e o demo senten predilección polos lugares áridos e desérticos, así que, montes sen árbores, descampados e cemiterios son habituais centros de concentración. Para asistir ó aquelarre, untan certas partes do seu corpo cun aceite especial que gardan baixo a pedra do lar. Estes ungüentos serven para impurificar, da mesma forma que os curas utilizan outros para purificar ós mortos. Estas mulleres teñen poderes máxicos, con eles fan o mal; tódolos días teñen que facer dano a alguén.

Como medio de transporte usan varios elementos:

  • Vasoira: porque é o elemento máis sucio, e polo tanto impuro, da casa.

  • Rexa de ferro: porque se oxida e se corrompe. Ademais, está asociada co demo.

  • Cazo: está asociado á muller.

Para evitar que as bruxas nos fagan dano temos que levar: allo, patas de coellos ou cornos de vacaloura.

Se queremos que unha bruxa acuda a nós, só temos que asubiar de noite nun descampado, pero non é recomendable facelo porque estas intentarán facernos dano.

Algunhas das meigas máis coñecidas son:

Marimanta: é unha anciá fea e encurvada que leva no lombo un saco e vai pedindo esmola. É conveniente cumprirlle o desexo, porque se trata da tía do saco, esta muller rouba nenos e fainos desaparecer. Crese que a Marimanta veu de moi lonxe, seguramente vía marítima na época dos celtas. Ó menor descoido, mete un neno no saco e vaise. Se a vemos e o saco vai avultado, debemos detela e zarandéala ata que solte a súa vítima; se non facemos isto, nunca máis volveremos a vela. Aínda ninguén sabe onde leva aos seus secuestrados.

Bruxos ou canouros: Aínda que non son moi abundantes, tamén existen homes que pactan co demo a cambio de poderes para causar dano. Igual que as bruxas, forman ou teñen unha comunidade especial, presidida polo demo, o seu señor. Para converterense en bruxos acoden os aquelarres das bruxas e poñen un “o” na lista que tiña o cabrón. Estes enferman os nenos nos brazos dos seus pais.

Meigas: reciben diversos nomes: curandeira, remendeira, menciñeira, santa, sabia, carteira, etc.

Son mulleres de aldea con poderes sobrenaturais. Hai moito tempo, en cada parroquia galega había, polo menos, unha meiga á que os aldeáns acudían cando necesitaban axuda médica xa que sentían un gran respecto por elas, debido a que coñecían grandes misterios e tiñan o que eles chamaban “ter man” que significaba posuír un poder de orixe divina. Con el trataban diversas doenzas, como o mal de ollo, mal de aire, meigallo, paletilla caída e incluso afeccións da pel. A maioría destas, eran de orixe psíquico, polo que, en moitas ocasións non substituían ó médico, se non ó psiquiatra.

As curas que realizaban estas mulleres estaban cargadas de ritos e simbolismos. Unha das cousas máis importantes é o sitio onde ten lugar o ritual. Elíxense lugares sagrados como igrexas, atrios, sepulturas ou entorno das imaxes de santos. Se se celebra nunha casa, debe “purificarse” con todo tipo de obxectos relixiosos: crucifixos, estampas, velas, incenso, auga bendita, imaxes de santos, etc.

Nestes rituais, era importante crear un ambiente sacro. A isto contribúen os asistentes, que permanecen axeonllados e en silencio, e a meiga, quen nalgunhas ocasións leva estola, reza, bendice, e purifica con auga bendita.

A oración convértese na clave desta menciña popular. “Se non hai fe non hai curación” é unha das frases máis utilizadas no ámbito menciñeiro. O poder curativo da meiga é a súa capacidade de control da vontade das persoas que acoden a ela. Este feito explica a súa efectividade en enfermidades psíquicas.

Aínda que as meigas tíñanse en boa consideración, utilizouse o seu nome para nomear a algunhas bruxas como por exemplo:

Meiga dos dentes verdes: é unha bruxa coma calquera outra coa particularidade de que ten os dentes verdes e rouba nenos para facer con eles filtros e unturas ou para comelos.


Meiga chuchona: é unha bruxa nocturna, que entra nas casas pola noite e chúpalle o sangue á xente. Estas persoas morren porque quedan fracuchos e esmirrados.


A pesar disto, hai unhas claras diferencias entre elas. Ao contrario que a bruxa, a meiga non pacta co demo, e usa os seus poderes para axudar ós demais. As primeiras cumpren un fado, mentres que as segundas dedícanse a ciencia. Un exemplo de meiga, é a dama de castro.

Dama de Castro: todo aquel que se atope con esta meiga só recibirá ben se lle pide axuda ou consello, pero non é doado atopala porque vive baixo castros milenarios ou baixo a terra nun enorme castelo de cristal.

É moi fácil de distinguir posto que sempre leva un longo vestido branco de cola coma se fose acudir a unha voda. Goza de benestar e fortuna, co cal, ningún tipo de cumprido ou favor serven para que ela che de consellos ou regalos. O contrario, soe aparecérselle a persoas entristecidas por algunha situación difícil da súa vida, e só a esas persoas de condición humilde lles concede favores.